No seo da Hermandad Gallega de Venezuela, en Caracas, créase no ano 2003 a Oficina de Atención de Programas Sociais e Asistenciais, grazas a un convenio de colaboración asinado entre esa entidade e a Consellería de Emigración.
A Consellería de Emigración, ten entre as súas finalidades primordiais a de potenciar e contribuir ao desenvolvemento de programas sociais e asistenciais en beneficio dos emigrantes galegos; para iso realiza plans, programas e actuacións de apoio á emigración, e require da cooperación e participación de distintas entidades, especialmente naqueles países máis afectados por crises socioeconómicas e nas que o número de galegos é considerable, como ocorre en Venezuela.
Esta oficina é un punto de referencia e “ventanilla única” para todos os galegos e descendentes interesados en coñecer e participar nos diferentes programas convocados pola Consellería de Emigración para a Galicia exterior, e tamén daquelas accións que o Goberno español programa para os españois no estranxeiro.